Que vén o libro electrónico

Hai semanas en que o libro dixital non produce gran cantidade de noticias, hai semanas en que as noticias se centran nos lectores de ebooks. A semana pasada Apple anunciou un evento de presentación sorpresa para o día 27 de xaneiro e a tinta comezou a rodar. Amazon presentou a oferta para autores venderen directamente os seus libros -pensando sobre todo nos títulos antigos, esgotados e descatalogados-, tamén presentou a súa plataforma, ao máis puro estilo iStore, onde os desenvolvedores poden crear e testar online as súas aplicacións, facendo ver que as acusacións de sistema fechado que se facían ao Kindle están lonxe de ser certas. Nestes dáis seguíronse anunciando novos lectores de libros e comezan a anunciarse para febreiro os primeiros tablets que poden cumprir as expectativas dos usuarios que queren reunir nun só aparello ordenador, navegador e lector cómodo de libros, con sistemas que combinan as pantallas a cores e as de tinta electrónica e similares.

A dous días do evento de Apple, aínda non sabemos o que é que van presentar. Moitos soñamos que vai ser un ordenador flexíbel, rápido, con grande autonomía e que tamén nos permita falar por teléfono, mais isto aínda está por ver porque podería significar queimar etapas dárnolo todo xunto e a bo prezo. Se Apple non o fai, cousa coa que eu conto, xa virán outros que aposten polo bo, bonito e barato, 2010 vai ser un ano intenso neste sentido. E se Apple se decide a facelo, entón a situación mudará moito máis rápido do que ninguén pensaba até hoxe e viviremos unha etapa moi animada na creación de contidos. O ton xeral desta revolución que estamos a experimentar acadará cotas inimaxinadas e, aínda que por un tempo andemos un bocado perdidos entre todas as opcións que teremos á man, as oportunidades que se abren, en condicións de relativa igualdade para manifestacións culturais de moi distinto tamaño, serán aínda maiores do que hoxe coñecemos.

Polo de pronto, unhas cantas ligazóns fresquiñas do día, que dan idea do que estou a falar:

-Vook entra na edición de clásicos enriquecidos coa Illa do tesouro.

-Os libros de O’Reilly, agora sen DRM, aumentan as vendas nun 104% en 2009.

-Vodafone vende 200.000 iPhones nunha semana. 100.000 iPhones = 100.000 lectores de ebooks.

-Ian McEwan asina contrato en exclusiva con Amazon coa intención de duplicar beneficios polo fondo do seu catĺogo.

Os comentarios están pechados.